O curso foi presentado no Concello de Meis e desenvolverase do 7 ao 31 de agosto
A Federación Galega de Fútbol e o Concello de Meis poñen en marcha o primeiro curso de monitor de fútbol base de carácter intensivo que se celebra na provincia de Pontevedra. A actividade foi presentada esta mañá polo alcalde de Meis, José Luis Pérez, o directivo da FGF, Amancio Varela, e o director da Escola Galega de Adestradores, Manuel Mosquera, que estiveron acompañados por representantes dos clubs de fútbol locais (Armenteira, Mosteiro e Zacande).
O alcalde agradeceu a sensibilidade mostrada pola Federación para a posta en marcha deste curso que “responde a unha demanda social do noso fútbol base” e mostrouse confiado de que cumpla as expectativas dos clubs do noso Concello, engadindo ademáis que “é moi importante incidir na educación deportiva, pois antes de facer a un gran deportista hai que facer a unha gran persoa”.
Amancio Varela, directivo da FGF, agradeceu a “extraordinaria colaboración do Concello”, que pon a disposición da Escola unha aula para as clases teóricas e o campo de fútbol do Mosteiro para as prácticas. “Desde o primeiro minuto todo foron facilidades desde o Concello para poñer en marcha o curso” e destacou que para a Federación Galega “é moi importante incidir na formación e por iso estamos organizando cursos por toda Galicia”.
Varela remarcou o feito de que este sexa o primeiro curso de carácter intensivo que se organiza na provincia de Pontevedra, engadindo que a súa convocatoria “responde á demanda dos tres clubs locais”, destacando a “excelente ubicación xeográfica de Meis para que poidan anotarse alumnos de outros concellos e comarcas limítrofes”.
Por que intensivo?
O motivo de que este curso se organice baixo o formato de intensivo é porque “a partir da terceira xornada desta próxima tempada 17-18 todos os adestradores que estean sentados nun banquillo deberán acreditar a titulación requerida para esa categoría na que exercen”, explicou Varela. Ademais, sinalou que o verán “é un momento ideal para este tipo de formato porque a xente ten máis tempo para poder realizar o curso”.
Tres horarios alternativos
O director da Escola Galega de Adestradores, Manuel Mosquera, indicou que o curso consta de 65 horas e que se vai a desenvolver do 7 ao 31 de agosto, con catro horas de clases diarias, de luns a xoves.
Para facilitar a participación, a Federación ofrece tres turnos horarios:
- De 10 a 14 horas
- De 15 a 19 horas
- De 19 a 23 horas
Os alumnos que se van inscribindo deberán rexistrar a súa preferencia horaria, pero incluso podería desenvolverse o curso nas tres franxas horarias si existe demanda para elo.
O cupo mínimo é de 15 alumnos e a inscrición xa está aberta. Pode realizarse de xeito online a través da páxina web da Federación Galega de Fútbol, accedendo ó formulario de inscrición a través do banner específico do curso publicado na portada da web, ou ben entrando no portal da Escola (ventana do menú principal) donde se pode atopar a convocatoria do curso e o formulario de inscrición.
O curso ten un custe de 150 euros.