A necesidade de intervención arqueolóxica ven dada pola aplicación da normativa urbanística e patrimonial vixente á actuación de posta en valor que o Concello de Meis pretende acometer sobre un dos seus elementos arqueolóxicos máis singulares, o petróglifo do Outeiro do Cribo (GA36028016), que agocha un dos labirintos mellor executados e conservados de todo o panorama da arte rupestre.
En época recente, os gravados teñen sido obxecto de múltiples afeccións, algunhas repetitivas, como as marcas ou pintadas realizadas por afeccionados, que poden causar deterioros irreversibles nos sucos.
Ademais, o xacemento está situado nunha localización de risco debido ao tránsito por riba do soporte dos gravados de vehículos rodados (motos e quads especialmente), persoas e animais; polo que o Concello considera que é imprescindible abordar unha actuación que reverta esta situación actual de exposición a diversos axentes de deterioro.
Por outra banda, o petróglifo posúe un importante potencial para o desenvolvemento da comunidade local en conxunto cos outros bens arqueolóxicos existentes na contorna, como as Mámoas de Fonte do Lagarto, o petróglifo de Outeiro do Tronco ou o propio mosteiro de Armenteira. Todos eles susceptibles de ser integrados en roteiros de lecer
baseados no interese polo patrimonio histórico-arqueolóxico e a defensa e conservación do medio ambiente. De feito, a pista de acceso ao Outeiro do Cribo forma parte dun circuíto BTT (Ruta de BORDÓNS; ruta 8 do Salnés), pensada para o fomento do clicloturismo na zona.
Son por estes motivos, singularidade, situación de risco e potencial social, que xurde a iniciativa municipal para poñer en valor o ben. Elaborándose, en xuño de 2021, unha proposta de actuación por parte de técnicos da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez (arqueólogo) e Óscar Taboada (conservador), na que se abordan as diferentes accións que conducirían á súa recuperación e posta en valor, e que no presente proxecto se seguirán en gran medida.
A intervención arqueolóxica que se pretende, abrangue traballos de roza e tala, limpeza do propio soporte dos gravados, documentación, creación de drenaxes, escavación arqueolóxica e acondicionamento do espazo visitable, incluíndo cartelería e delimitación física mediante valados en madeira.
Actuacións, que en definitiva, terán lugar dentro da áreas de protección do petróglifo, tanto integral como de amortecemento, ben catalogado segundo o Plan Xeral de Ordenación do concello de Meis, e que, ademais, segundo o establecido na disposición adicional primeira da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, goza da condición de bens de interese cultural.